martes, 13 de marzo de 2012

Noticia 1

Dada a actual conxuntura económica e a perda de poboación de ambos Concellos

Aprobado un estudo socioeconómico para a fusión de Alfoz e O Valadouro

Os grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego en Alfoz e O Valadouro veñen de presentar no mes de xaneiro a proposta para a fusión de ambos concellos. Esta proposta foi rexeitada en Alfoz e non acadou a maioría cualificada necesaria no Valadouro. Con todo, si foi aprobado en ambos municipios o encargo á Xunta de Galicia dun estudo socioeconómico para comprobar a viabilidade desta unificación.

A proposta de fusión dos Concellos de Alfoz e O Valadouro é tema recorrente nos programas electorais da asemblea do Bloque Nacionalista Galego no Val do Ouro desde a súa formación, en 1995. A pesares disto, non foi até este ano cando se deu o paso de solicitar esta fusión por medio dunha moción en ambos Concellos, algo motivado pola actual conxuntura económica e a perda de poboación de ambos municipios.

Na actualidade, e segundo palabras do líder do grupo municipal do BNG en Alfoz, Iván Marrube, A día de hoxe, hai una solicitude dende o concello de Alfoz á Xunta para que realicen un estudo sobre a viabilidade da fusión, e una Proposición non de Lei no Parlamento presentada polo BNG para intentar tamén que se comecen os trámites desde a Xunta, do mesmo xeito que acontece no veciño concello de O Valadouro, onde foi presentada ante a Xunta de Galicia a petición dun estudo socioeconómico sobre a viabilidade da unificación.

Segundo Marrube, esta fusión ven determinada por motivos económicos e de perda de poboación xa que “é totalmente insostible economicamente o mapa municipal tal e como está hoxe”. Diferente opinión ten o profesor de Ciencia Política na Universidade de Santiago de Compostela Miguel Anxo Bastos Boubeta quen opina que “as resistencias son grandes” ante este tipo de iniciativas xa que se entraría en conflito pola capitalidade e pola ubicación de servizos. De feito, en Galicia desde a Autonomía, e a pesares de saberse o problema, incrementouse o número de Concellos, non se reduciu”.

Aínda coa existencia de diferentes opinións, parece evidente que se aforraría no gasto en determinados servizos, en salarios dos cargos políticos e se contaría con máis fondos. Porén, como destaca Bastos Boubeta “as desvantaxes virían das molestias aos cidadáns pola reorganización ou unha maior distancia ao servizo”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario