sábado, 31 de marzo de 2012

Segunda noticia xurídica

Meetic, Match.com e E-darling: os contactos no século XXI

Desde ben antigo é coñecido o desexo do home por formar parella mais, na actualidade, parece que todo aquel que nalgún momento sentiu vergoña ou falta de atrevemento ten a solución na súa man, xa que existen numerosos servidores na rede que proporcionan servizos de mediación e corretaxe matrimonial a todo aquel ou aquela que desexa atopar a súa “media laranxa”.

A corretaxe matrimonial é unha actividade na que unha empresa ou persoa media para a unión matrimonial de dous cónxuxes, a cambio dun beneficio económico.A corretaxe complétase no momento da unión matrimonial, xa que é o fin último da actividade. Na mediación entre persoas, non é necesaria a unión matrimonial xa que esta mediación pode ter o obxectivo de dar pé a unha relación sentimental que remate ou non en matrimonio pero tamén a unha amizade ou a unha simple posta en contacto.Enlace

Na actualidade, son moitos os servidores que ofrecen servizos de mediación cun fin claro: posta en contacto dos usuarios para formar unha parella ou, simplemente para iniciar unha amizade mais, esta reportaxe estará centrada en tres das máis importantes no noso país e en Europa: Meetic, Matc.com e E-Darling

Meetic
O portal web Meetic forma parte do conxunto empresarial Meetic, fundado en Francia no ano 2001 por Marc Simoncini. Inicialmente, este portal só estaba dispoñible no país galo e, co tempo, foi abríndose paso ata converterse no principal provedor de servizos para a mediación entre persoas que desexan atopar parella por internet, o que se coñece como “online dating” (busca de parella a través dunha base de datos dos rexistrados) ou “matchmaking” (busca de parella na web a través dos lazos psicolóxicos e gustos das persoas).

A facturación de Meetic pasou dos 1,1 millóns de euros en 2002 aos 178 do curso pasado, o do ano 2011. Este éxito, en parte, débese á crecente presenza das novas tecnoloxías e ós múltiples soportes nos que Meetic derivou, xa que, ademais de www.meetic.com , atopamos outros servidores segundo as inquedanzas dos usuarios, o país de orixe e tamén existen versións para dispositivos móbiles, por exemplo.

O funcionamento de Meetic é sinxelo, xa que chega con realizar un rexistro gratuíto no que se especifican as preferencias de idade e sexo da persoa que se desexa coñecer, así como os datos persoais. Tamén, de xeito opcional, pódese dar información adicional sobre gustos deportivos, musicais,preferencias políticas,profesión, características físicas do rexistrado, etc. O rexistro complétase aportando (ou non) unha imaxe do interesado en atopar parella.

O portal web ofrece multitude de opcións para contactar cos demais usuarios rexistrados de xeito que se pode manter unha conversa en tempo real nun chat, enviar e-mails a outros usuarios, etc.

Segundo reza a propia páxina web da empresa, máis de 20.000 persoas elixen o portal de Meetic en España (www.meetic.es) para buscar parella. Iso si, á hora de contactar é preciso pagar unha cantidade determinada (aproximadamente 30 euros a cota dun mes) en función do tempo que se desexe ese servizo.

Match.com
Match.com presenta o seu obxectivo principal como “facilitar o contacto entre persoas que desexan vivir unha bonita historia de amor”. Este portal que presta servizo en 25 países foi fundado no ano 1995 por Gary Kremen (Chicago 1963) e acada uns beneficios de, aproximadamente, 260 millóns de euros. Match.com conta con preto de millón e medio de suscriptores de pago.

Deste portal debemos saber que en 2004 converteuse no maior provedor de citas do mundo e en 2010 firmou como provedor exclusivo para Yahoo no que a contacto entre persoas se refire.

En 2009, cédese o control dos servizos de Match.com á empresa Meetic, polo que o funcionamento dos portais nos respectivos países europeos aos que presta servizo teñen unha apariencia, funcións e funcionamento similar ao dos sitios web controlados pola empresa francesa.

Con todo, non todo son luces e, a pesares de experimentar un forte crecemento nos seus 17 anos de vida, a empresa viuse involucrada nalgunhas grandes polémicas como as acusacións dunha moza de ser violada por alguén que coñeceu grazas á mediación de Match.com mais, ao igual que outras denuncias, foron desestimadas xa que o cometido da empresa é a simple mediación e posta en contacto. Levar a cabo unha relación require moito máis que coñecerse só dunha páxina de contactos. Aínda así, pídeselle a este tipo de páxinas que empreguen todos os medios posibles para evitar que sucesos así teñan lugar.

eDarling
eDarling (fundado en Alemaña en abril do 2009) é o sitio web de busca de contactos máis visitado en España (a onde chegou en decembro de 2009), e un dos máis populares en Europa.

Con sé en Alemaña, proporciona servizos de mediación entre persoas en: Alemaña, Francia, Austria, Suíza, España, Portugal, Países Baixos, Suecia, Italia, Rusia e Turquía mais, segundo datos da axencia de análise de visitas Alexa.com, o 69% dos usuarios da compañía están no noso país.

eDarling establece o perfil principal dos seus usuarios entre os 35 e 45 anos, tratándose fundamentalmente de xente con estudos superiores, solteiros e sen fillos.

O método eDarling baséase no “método dos cinco grandes” , un modelo que analiza a personalidade como a composición de cinco factores amplos, tendo en conta datos demográficos, preferencias das persoas e tamén o perfil psicolóxico do usuario. Este método serve de base a un test de afinidade no que se comparan os datos do usuario rexistrado cos dos demais presentes na base de datos da web. Con estes datos élle mostrado ao interesado outros usuarios cos que comparte intereses, gustos, carácter, etc.

Ademais, eDarling ofrece a posibilidade de realizar unha busca manual, sen base científica de ningún cuestionario, podendo navegar polos perfís en rede doutros usuarios para chegar a coñecer a alguén no que se poida estar interesado.

Como todos os servidores desta índole, eDarling foi obxecto dalgunhas críticas que, principalmente van dirixidas ao referente aos pagamentos. Mentres que algúns usuarios consideran que os servizos son demasiado caros, outros critican que as cotas de pagamento se renoven de xeito automático, sen consultar ao interesado se desexa seguir sendo partícipe desta páxina.

Con todo, eDarling tamén conta con algúns selos de calidade en rede como por exemplo en España, onde conta co selo de Confianza Oline e o da IQUA (Agència de Qualitat d’Internet).






No hay comentarios:

Publicar un comentario